Dec 18

Este venres, a comunidade galega na rede social Twitter (que xa vai polos 190 millóns de usuarios no mundo todo) conseguiu o maior éxito até agora da lingua galega nas redes sociais internacionais. En homenaxe ao nacemento de Ánxel Casal e de Isidro Parga Pondal, ben como á morte do marechal Pardo de Cela, promoveuse unha campaña co uso da etiqueta (ou hashtag) #galega como marca identificadora. En algo menos de 40 minutos, conseguimos colocar a palabra #galega entre os 8 temas máis falados no Estado español; en pouco máis dunha hora, xa estaba no máis alto… e aí segue, máis de seis horas despois, como se pode comprobar na imaxe.

A campaña, nacida dunha iniciativa conxunta de RadioFusión e GalegoLab, foi un rotundo éxito, que se traduce nas seguintes cifras: máis de 1700 mensaxes (ou tweets) enviadas hoxe, na súa inmensa maioría entre as 16h e as 17h15min; 322 participantes, a pesar de tratarse dunha tarde de venres; máis de 6 horas (e contando…) de lideranza ininterrompida no Estado español; e aproximadamente unhas 150.000 persoas expostas de maneira directa ás mensaxes coa etiqueta #galega, ao que hai que sumar varios centos de miles máis de maneira indirecta, debido ao impacto de figurar como un dos temas do momento. Con iso, conseguiuse por un lado render unha bela homenaxe aos persoeiros da nosa historia cuxas efemérides se celebraban nesta data; e, por outro, darnos un baño de autoestima ao comprobar que somos capaces de alcanzar obxectivos ambiciosos cando actuamos colectivamente e en nome do que nos une.

Claro que, como toda conquista, esta tamén abre un novo reto, que consiste en superar o conseguido hoxe. A nosa meta non pode ser outra que entrar no Top Ten a nivel mundial, feito que garantiría unha visibilidade para a nosa lingua e cultura sen precedentes no mundo dixital, e que sen dúbida despertaría o interese e a curiosidade de numerosos medios de comunicación internacionais que se nutren habitualmente das novidades xeradas no Twitter. Se non o logramos antes, desde logo en maio temos que colocar as #LetrasGalegas ben á vista do mundo enteiro. E despois do visto hoxe, é seguro que o conseguiremos!

Nov 02

Ao longo do fin de semana, desenvolveuse a primeira acción do grupo Polo galego nas redes sociais, con motivo da festa do Samaín.

O que foi feito?

  • Creáronse eventos en Facebook e en Tuenti para animar as persoas a participar.
  • Realizouse unha campaña de envío de mensaxes en Twitter.

O que se conseguiu?

  • Dar a coñecer o grupo e os obxectivos que perseguimos.
  • Lograr a adhesión de máis persoas ao noso grupo en Facebook.
  • Dar a coñecer o grupo na comunidade galega de internet.
  • Dispoñer dun blog que permite divulgar as nosas accións e entrar en contacto con persoas que non son usuarias de Facebook. O blog tivo unha moi boa recepción, con 189 visitas o primeiro día.

Cales foron os números da campaña en Twitter?

Preme enriba da imaxe para vela ampliada

Como se pode apreciar no gráfico, nunha hora conseguimos enviar 919 mensaxes, coa participación de 111 persoas. Iso representa un nivel de participación moi alto, pero aínda insuficiente para conseguir entrar no ranking dos 10 temas mundiais máis tratados: é un bo comezo, e sobre todo indica un alto nivel de implicación das persoas participantes, pero ao mesmo tempo dinos claramente canto debemos mellorar para lograr obxectivos máis ambiciosos.

Que podemos facer para acadar éxitos maiores?

Aquí quedan algunhas ideas, que calquera pode completar nos comentarios:

  1. Conseguir a adhesión de medios de comunicación e de persoas (celebridades, líderes de opinión…) que dispoñen de moitos seguidores nas redes sociais.
  2. Fomentar a participación de colectivos proclives ao uso do galego e con experiencia nas redes sociais: centros de ensino, asociacións, centros sociais…
  3. Coordinar as accións con máis tempo e coa colaboración do maior número posible de persoas, para así chegar a todos os cantos.
  4. Por riba de todo, insistir: a cada nova campaña ou iniciativa, debemos superar a participación da anterior. O importante é realizar accións polo galego regularmente, xa que esa é a razón de ser do grupo e permitirá que aos poucos máis xente se vaia incorporando. O obxectivo maior ten que ser chegar a maio en condicións de colocar o #DíadasLetrasGalegas como asunto de destaque en todas as redes sociais. A partir de aí, todo será máis fácil.

Grazas a todas as persoas que se uniron ao grupo e que participaron! Cada día somos e seremos máis.

Out 31


Despois de colocar o nome de usuario e o contrasinal, xa estás dentro de Twitter. Debes colocar as mensaxes no cadro de escrita que hai na parte de riba á esquerda, onde di What’s happening?

Algúns exemplos:

  • Só texto

  • Texto e ligazóns

Out 31

Esta primeira campaña ter como obxectivo entrar no ranking dos 10 temas máis comentados en Twitter. Por que Twitter? Porque é a única rede social que elabora ese ranking, porque é a rede social máis influínte (nela están os medios, os profesionais, as celebridades e os creadores de opinión) e porque entrar nos Trending Topics –o tal ranking– significa captar a atención de todos os medios de comunicación a nivel local, nacional e internacional.

Nesta primeira campaña, en que podo axudar?

  • Se tes Facebook, únete ao grupo Polo galego nas redes sociais (xa somos 825 persoas, pero queremos moitas máis). Alí publicarase toda a información sobre as campañas e iniciativas que se vaian desenvolver. Ademais, no grupo podes facer propostas, compartir materiais interesantes e coñecer xente coas mesmas inquietudes e intereses.
  • Se tes Tuenti, podes convidar outras persoas a que se unan a esta iniciativa e crear eventos para espallar as campañas.
  • Se tes Twitter, le o seguinte apartado.
  • Se participas noutras redes sociais, pásao.

Foto: rodcasro

Como se fai para participar?

O domingo, día 31, entre as 21h e as 22h (ollo ao cambio de horario!), a comunidade galega de internautas vai colocar en Twitter o texto #samaingalego, para reivindicar a verdadeira orixe da festa de Halloween. Se conseguimos 750 usuarios e 3.000 mensaxes, é case seguro que lograremos o obxectivo: hai que ter en conta que entrar no ranking mundial de Twitter (unha rede con máis de 145 millóns de usuarios) equivale a conquistar a cima do Everest virtual.

Se xa tes Twitter, participa e convida outras persoas a facelo. Se non tes Twitter, podes abrir unha conta gratuita e instantaneamente no enderezo www.twitter.com

O ideal é enviar mensaxes que, ademais de conter o texto #samaingalego, dean información atraente sobre Galicia, sobre a lingua galega, sobre a nosa cultura, tradicións… Para iso, podes formar frases enxeñosas, enlazar enderezos web interesantes ou o que se che ocorra.

A maioría das mensaxes será redactada en galego, sen dúbida, pero quen poida mandar unha parte das mensaxes noutros idiomas (inglés, portugués, español, chinés, árabe, ruso, francés, xaponés, alemán…) para facilitar a comprensión por parte da comunidade de internautas doutros países, fará tamén un grande servizo.

Se en vez dunha soa mensaxe podes enviar 4, 10 ou 20, moito mellor. Pero sempre incluíndo o texto #samaingalego Ese texto pode ir no comezo, no medio ou no final, iso tanto ten.

Se non tes Twitter nin pretendes facer un, pero estás noutras redes sociais, podes colaborar facendo propaganda da campaña e animando outras persoas a que tomen parte.

Grazas a todos e a todas. Imos facer que a festa do Samaín dure un día máis: o martes, cando nos xuntemos de novo para celebrar o noso éxito!

Out 31

Polo galego nas redes sociais é unha iniciativa para fomentar a presenza da lingua galega e de aspectos da nosa cultura nas redes sociais e, por extensión, na internet.


Por que polo galego?

Porque é o que nos une a todos os galegos. As campañas que se realicen só terán como motivo a lingua e a cultura galegas, e non serán tratados temas que provoquen división por motivos políticos, ideolóxicos, de crenzas relixiosas…

Por que nas redes sociais?

Porque para divulgar calquera asunto hai esencialmente dúas maneiras de facelo: cunha custosa campaña de propaganda, ou mediante o uso eficiente das TICs. As redes sociais son a ferramenta idónea para dar a coñecer ao mundo enteiro a nosa lingua e cultura, sen custos e cun enorme poder de difusión.

E ademais, porque nas redes sociais o protagonismo corresponde á cidadanía, ás persoas. E o noso grupo baséase nun acordo entre persoas, sen vinculación con ningún goberno, empresa, institución ou organización: un acordo para colocar a lingua e a cultura galegas o máis alto posible.

En que redes sociais se van desenvolver as campañas?

En principio, e para lograr un maior impacto, as campañas levaranse a cabo nas tres principias redes sociais: Facebook, Tuenti e Twitter. Tamén se estimulará o uso das redes sociais galegas, como Chuza, Latri.ca ou Cabozo.

Quen pode propoñer accións, iniciativas, campañas…?

Calquera membro do grupo. Aquí non hai xerarquías, polo que as achegas de todo o mundo son moi benvidas. O único importante é que as propostas consigan motivar todo o mundo a participar e que permitan que outras persoas se unan.

As campañas que xa están previstas pretenden aproveitar datas significadas da cultura galega para proxectalas na rede. Por exemplo: o Samaín, o Entroido, o Día das Letras Galegas, o Sanxoán ou o 25 de xullo.

Olark Livehelp